Sunday 19 de May de 2024

A Xunta encomenda ao Clúster de Turismo a elaboración do Plan Estratéxico de Turismo de Galicia 2017-2020


Nava Castro subliñou que é a primeira vez que unha Comunidade Autónoma pon en mans do sector a elaboración do seu Plan Estratéxico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster Empresarial de Turismo de Galicia, Francisco González, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a Xunta achega 150.000 euros para a elaboración do Plan Estratéxico de Turismo de Galicia 2017- 2020.

O novo Plan daralle o relevo ao actualmente en vigor, que marcou as directrices do desenvolvemento turístico da nosa Comunidade entre os anos 2014 e 2016. En palabras da directora, a nova folla de ruta “marcará a estratexia para continuar co posicionamento de Galicia como potencia turística internacional e ao turismo como sector clave na economía galega”. Actualmente, o turismo xa supón o 11% do PIB e o 12% do emprego na Comunidade galega.

A responsable de Turismo da Xunta destacou que se trata dun convenio pioneiro xa que é a primeira vez que unha Comunidade Autónoma lle encomenda ao sector a elaboración do seu Plan Estratéxico. “Este convenio constitúe, así, un paso máis na sólida colaboración público-privada que ven desenvolvendo o turismo galego nos últimos anos”, afirmou.

Por outra parte, Nava Castro explicou que se están superando os obxectivos marcados e que se prevé que esta continúe sendo a tendencia no presente ano 2016, no que a nosa Comunidade agarda superar os 5 millóns de visitantes —fronte aos 4,5 millóns do ano pasado—, sendo 1,25 millóns deles de carácter internacional e acadar un gasto do turismo internacional por valor de 1.050 millóns de euros.

Nesta liña, aseverou que “para acadar unha meta ambiciosa é imprescindible escoitar ao sector”. Por iso, segundo explicou, o novo Plan Estratéxico será froito da colaboración entre a Administración pública e o sector turístico, representado fielmente no Clúster, que aglutina ao 95% das empresas turísticas galegas.

Desta maneira, realizarase unha “fidedigna análise do sector” e o seu diagnóstico “escoitando as súas necesidades”. Neste sentido, a directora afirmou que “será inestimable contar co apoio do Clúster e de cada unha desas 6.727 empresas turísticas que o conforman”.

A directora aproveitou para lembrar que o Clúster se converteu nunha ferramenta “indispensable” para planificar e promocionar o turismo e que o pasado ano o seu departamento xa asinou catro convenios de colaboración que supuxeron unha achega de 900.000 euros.